Agolada, 08 de xuño de 2014. Máis de 40 colectivos e entidades defensoras do bosque galego e do seu aproveitamento sostible lanzaron hoxe na Eira da Xoana a campaña “Cousa de Raíces”. Esta campaña, impulsada por iniciativa do colectivo ecoloxista ADEGA, pretende sumar esforzos e iniciativas en recuperar o valor do bosque desde o coñecemento, como recurso cultural, económico e ambiental.
O lema escollido trata de retratar o bosque como elemento vertebrador da nosa identidade, cultura e paisaxe, pero tamén da nosa economía e sociedade. As “raíces”, soterradas e ocultas baixo a terra, representan o piar fundamental do que é a nosa sociedade e do que será; ademais son sustento do que se fai visible no territorio, na paisaxe e no desenvolvemento económico-social. É “cousa de raíces” que entre todas e todos camiñemos cara un mesmo obxectivo na preservación do noso bosque.