Artigo: Territorio e Natureza

Compartimos con vós este interesante artigo “Territorio e Natureza” de Denís Gándara, arquitecto especialista  no cálculo estrutural de madeira, que ademais se suma á campaña Cousa de Raíces.

i2

 

territorio e natureza

________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________

Neste último verán, como en moitos outros, o monte galego foi arrasado polo lume. As causas son múltiples, principalmente o gran erro da ordenación forestal e as súas implicacións económicas. Pero non quixera centrar esta reflexión nese necesario análise, senon na conexión entre a xente e eses bosques que arden. Entre persoa e árbore. Unha manifestación que se pode ver claramente nas carballeiras. Porque aparte dun conxunto de carballos como define o dicionario, unha carballeira representa moito máis para a sociedade que fai uso dela. Hai una tradición no seu trasfondo que as dota dunha carga simbólica e representativa.

Podemos pararnos a analizalas a pequena escala territorial, a nivel parroquial. Empecemos por definir este termo. Lonxe de quedarnos no relixioso, a parroquia está composta de conxuntos de elementos naturais e construidos. Son unidades xeográficas, sociais e culturais. Unha organización aínda vixente hoxe, ligada a característica dispersión poblacional de Galicia e as súas raices agrarias. Ademáis de contar coa influencia dun templo, é un espazo cunha delimitación antropolóxica. No ensaio de Xosé Chao Rego Para comprendermos Galicia, xa comenta estas peculiaridades:

“(…) esta realidade sociolóxica básica –non meramente relixiosa ou eclesiástica- (…) a parroquia, estructura vital e operante, aínda non adquiriu o seu recoñecemento xurídico. Fariña Jamardo dinos: Para Risco a unidade económica en Galicia é a casa, e o feito social-transfamiliar é a parroquia. Cuevillas dinos que a parroquia é a autentica molécula social do noso campo. (…) sobre o asentamento primitivo vaise sucedendo unha progresión de habitats sobre o mesmo lugar: desde o castro ata a fregresía cristiá, pasando polo intermedio da vila romana. (…) resulta sorprendente que o número de parroquias permanece case fixo ó longo dos tempos, pois xa existían a finais do século XVI, nada menos ca 3.571 parroquias [hoxe hai en Galicia 3.811]”1

Hoxe case podemos partir do individuo como núcleo básico, enfrontado a unha serie de veciños cos que compartir recursos: postos de traballo, prazas de aparcamento, terras de labranza…; e unida na “parroquia” como entelequia social. Nas grandes cidades poderíase denominar “barrio”. O territorio está normalmente vinculado o sector primario da actividade económica, o cal deixa a súa pegada na explotación do campo e monte o longo da historia. Isto reflíctese na definición de estas áreas.

“A análise fotográfica en relevo amosa a divisón das zonas en áreas visuais máis pequenas. (…) Os mapas amosan a relación entre os núcleos principais da poboación, a igrexa e o ceminterio dentro da paixase cultivada. (…) a primeira unidade institucionalizada é a parroquia, que inclue diferentes lugares na mesma zona fisiográfica”2

Esta delimitación territorial é necesaria para comprender o valor das carballeiras como punto de reunión e socialización a pequena escala. Porque aparte dos poucos espazos naturais que nos quedan, o bosque está tamén presente na nosa vida cotiá. Está dentro das aldeas. E nos gustaría velo máis amiudo nas nosas cidades. Lugares de ocio e esparcimento. Espazos que condensan o sentimento de pertenza a unha comunidade. O bosque interiorízase como propio e reflíctese na celebración de eventos baixo as súas follas. Os veciños dos arredores son os principais actores mais tamén poden atraer a xente doutros lugares nas feiras, nos mercados e nas festas e xuntanzas. O carballo coma árbore tamén ten unha simboloxia de robustez, bo porte e saude, incluso con aplicacións medicinais, podendo comentar: “tes unha saude de carballo”. Dende sempre ten unha forte presencia para o ser human, e foi obxeto de diversos cultos:

“[Frazer di:] A relixión do carballo ou deus carballo foi compartida por tódalas ramas do tronco ario en Europa. O mesmo gregos que ítalos asociaron a árbore co seu deus máximo Zeus ou Xupiter, deidade do ceo, da choiva e do trono. (…) Cando pasamos da Europa meridional á central, encontrámonos aínda o gran deus do carballo e do trono entre os bárbaros arios (…). Así, entre os celtas da galia, os druidas non estimaban nada máis sagrado como o visco e o carballo sobre o que crecía, escollían carballeiras para o escenario do seu rito solemne e non executaban as suas cerimonias sen follas de carballo.”3

Quedan vestixios de lendas e ditos que son fixados nestes espazos. Cantigas, mitos, versos e máis dunha crenza sobrenatural están ligadas a unha árbore; son sabedorías que conforman a cultura popular. A carballeira adquire una dimensión de convidado de pedra do futuro e pasado dunha comunidade.

O monte é hoxe entendido como una explotación forestal, que provee de recursos e de postos de traballo á sociedade. Por suposto é un valor engadido, una fonte de riqueza as veces mal aproveitada. Pero olvidámonos de que as fragas son para nós un espazo antropolóxico, cultural e plurifuncional. E a humanización dalgunha carballeira e a proba máis palpable. Cada unha adquire o longo do tempo a súa propia configuración e personalidade. Incluso varía o seu uso dependedo do tamaño da carballeira: campo da festa, parque central dun pobo, cruce de camiños, atrios de igrexas… Nela fructifican vivenzas músicais, gastronómicas e de encontro coa natureza. Incluso os escasos bosques non cultivados que aínda quedan nos sirven para explotar recursos como a recolección de cogomelos e leña. Son lugares marxinais que están desperdigados en toda a xeografía galega.

i2

                                                                                                                     Distintas intervencións como espazo público

“Asombrosamente o carballo aparece en tódolos elementos da paisaxe. No monte alto é a especie dominante do bosque autóctono. (…) Na zona de transición entre o fondo do val é, xunto cos caseríos e as igrexas, o protagonista: cubre os campos da feira, acompaña as igrexas formando os seus atrios, xera o lugar central dos núcleos, dignifica os espacios de traballo, aparece nas marxes dos camiños e destaca os nodos da sua rede… No fondo do val, máis intimamente, aparece nos peches das fincas e deslindes dos labradíos. (…) As carballeiras son arboredas de carballos que constituen unha paraxe tradicional; son os restos dos antigos bosques de carballos de folla caduca, que producen una sombra clara pero uniforme. Normalmente o chan das carballeiras está coberto de herba e utilízase adoito como lugar para celebracións populares e festas, polo que estas zonas teñen un valor social especial. As arboredas de castiñeiros, coñecidas como soutos, son parecidas as carballeiras; os seus frutos eran parte da dieta básica da poboación antes de se introducir á pataca, e a frescura da sua sombra valórase nos días cálidos do verán.”4

En definitiva unha parte do bosque convirtese nun lugar onde transcorre a vida en común, mediante celebracións e festas fora da casa pero non do pobo, coma unha praza pública. Isto remitenos á carballeira como espazo exitencial, enfatizado pola sensación de estar dentro, cunha forma delimitada, moitas veces redonda, que filtra luz e auga e claramente definido por troncos e polas. Estas árbores reflexan tamén o simbolismo da congreación de seres vivos no tempo, mostrando o cambio das estacións, nun tempo cíclico tan característico das culturas agrícolas. O analizar diferentes espazos advirtese o proceso de humanización que se acumula nelas ano tras ano, trascendendo o individuo e potenciando a colectividade. A carballeira, tornase así nun bosque humanizado, nunha natureza domesticada, da mesma maneira que a terra está cultivada e delimitada, ou a paisaxe esta transformada pola conformación de cómaros, socalcos e camiños.

Os procesos constructivos de exaltación deste espazo poden ser a súa inicial plantación, a construcción de valados e pavimentos, a instalación provisional de carpas e mesas e a edificación de carácter simbólico, público ou congregacional (ermitas, monumentos ou palcos de música). Mediante a súa progresiva ordenación, a sociedade apropiase da natureza convertendo un bosque nun elemento máis urbán que natural. Un exemplo claro é a carballeira de Santa Susana en pleno corazón compostelá. As intervencións dependen de onde se atope e tamén do tempo transcurrido. De facerse, case sempre piden una actuación contida, nada ostentosa, conservando a súa particularidade. No traballo de campo de Amparo Casares en As Carballeiras en Galicia. Un patrimonio a conservar. podense ver diferentes exemplos e propostas.

i1
Humanización paulatina da carballeira

“Nove carballos definen o lugar central do núcleo rural de O Alto, xunto cun castiñeiro, unha sebe de buxo, os desniveis o camiño, o lavadeiro, as construccións e os peches. É unha interesante composición non xeométrica, sen dúbida intencionada. O lugar, ademáis de permitir o encontro dos veciños e os xogos dos nenos, é un espacio de traballo, almacén de leña, herba e os “ferros”. Estos protexense baixo as árbores das xeadas. Estos lugares han de proporse como alternativa viva urbanística. Propoño o estudo da relación dos elementos que a conforman entre sí e co medio, a súa validez como resposta o espazo colectivo dunha pequena poboación e a minimización do asfalto, superficie mínima que resolva o problema do acceso rodado.”

“Trátase do lugar de Piñeiro. Máis de sesenta carballos, o palco, un cruceiro, algúns emparrados e as vivendas e muros limitando o recinto conforman este espazo de alto valor. Os pavimentos de area nas zonas arboladas e os de formigón nas de rodamento son moi axeitados. Recentemente fixéronse obras no lugar: executáronse muros de contención, construíronse o palco, as varandas e bordos, pavimentáronse con formigón os pasos de vehículos rodados… Todas elas realizaronse con moito sentido común, na liña de revalorizar o conxunto; incluso a iluminación é discreta e ten o cableado enterrado. O uso da carballeira podese asimilar xa a un parque urbán. Utilizase tamén para celebrar as festas da parroquia. Esta é una intervención exemplar, digna, que debería extenderse pola zona do cruceiro e os emparrados coas mesmas pautas. A intervención revalorizou non só o lugar, senón o núcleo enteiro.”5

Rematando xa esta reflexión, hoxe en día vivimos nun mundo eminentemente urban e metropolitano, onde as relacións coa natureza perderonse radicalmente. Ese vínculo co natural evidenciase como propio do ser human e lonxe de concepcións hippies ou trascendentais, é necesario valoralo como parte da nosa vida cotiá. É un ben escaso na nosa sociedade postcontemporanea. As fragas e carballeiras están en grave retroceso e son xa un fenómeno extraño. Xa non quedan bosques primixenios. Nisto porsuposto ten un papel determinante un sistema de producción a gran escala que destabiliza o medio natural e xera preocupacións arredor do clima, a extinción das especies e a xestión dos residuos. O único que importa é o beneficio económico e non se valoran as implicacións sociais e culturais do bosque.

Unha das áreas con máis masa forestal da península e maior crecemento por hectárea por ano, non ten un monte san nin ordeado. Sendo claros é un desastre. Lle debemos o territorio unha profunda reforma na xestión forestal, con outros valores. Por desgracia o producto rápido e sen valor engadido e o principal obxetivo, e xustificanse os medios polo fin.

Un dos resultados desta quebra entre materia prima e producto comercial é que arda o monte galego. A falta de lazos que unan a sociedade coa producción do bosque abonan as causas para o seu abandono e queima. Nunca houbo implicacións de “costume” ou cultura do lume nin pelexas entre a veciñanza, senon o esquecemento do seu valor real, do seu valor antropolóxico fronte a voraz explotación da economía de mercado. Dende o meu punto de vista, existe unha necesidade de regreso a un equilibrio ca natureza, o uso racional dos seus bens e do que significan para nós, adquirindo unha especial importancia os ecosistemas que conforman. A necesaria estabilidade entre o ser human e o medio natural revindica como exemplos os lugares onde existe unha clara interrelación da actividade humana cun espacio público natural como sempre foron as carballeiras.

Denís Gándara Pumar

Arquitecto

_______________________________________________________________________________________________________________________________________

              1 Chao Rego, Xosé. Para comprendermos Galicia. Galaxia, 1987.

              2, 4 Martínez Sarandeses, Fernando. Arquitectura Vernácula en Pontevedra. COAG, 1982.

              3, 5 Casares Gallego, Amparo. As Carballeiras en Galicia, un patrimonio a conservar. Xunta de Galicia, 2008.

Advertisements

2 thoughts on “Artigo: Territorio e Natureza

  1. Estamos a definir aínda as actividades que se fagan nos próximos meses dentro da campaña, no obstante, seguramente introduzamos no programa algún roteiro aos bosques galegos. Mantédevos atentos/as a este blogue. Grazas!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s