O vindeiro 7 de marzo, sábado, convocámosvos a unha xornada de voluntariado ambiental para eliminar eucaliptos nas fincas que a Fundación Eira custodia en Ramil, Agolada. Polos nosos bosques autóctonos, nin un eucalipto sen cortar!
A xornada, en horario de 16 a 18h, enmárcase na campaña “Cousa de Raíces” en defensa dos nosos bosques autóctonos.
Monthly Archives: Febreiro 2015
Roteiro “Cousa de Raíces” polos acebais e reboleiras de Piornedo
O domingo 15 de marzo, ADEGA-Lugo realizará un novo roteiro “Cousa de Raíces” pola Serra dos Ancares para exaltar dous tipos de bosque reliquia da nosa paisaxe: os acebais ou aciveirais e as reboleiras. O programa de roteiros “Cousa de Raíces” trata de poñer en valor as especies e formacións boscosas propias do noso territorio, dentro da campaña que leva o mesmo nome e na que participan máis de 50 colectivos e entidades con ese obxectivo común.
O roteiro será de 12 quilómetros de lonxitude e de dificultade media.
A comunidade de Peiteiros busca voluntarios para plantar castiñeiros

Xubia-Castro: outro espazo protexido estragado polos eucaliptos
Dentro da campaña “Cousa de Raíces” ADEGA vén de denunciar outra plantación de eucaliptos sobre un antigo bosque atlántico na ZEC (LIC) Xubia-Castro, parte da Rede Natura 2000.
Fragas do Eume, Xistral, A Mariña, Careón, Macizo Central, Courel… os monocultivos de pirófitas, nomeadamente de eucalipto avanzan mesmo no interior destes espazos protexidos.
Malia á recente aprobación do Plano Director da RN2000, determinadas actividades que comprometen a conservación do patrimonio natural destes valiosos espazos, quer as talas de bosque e mato autóctono para substituilo por plantacións de eucaliptos, seguen a acontecer con case total impunidade.
O último caso, que non o derradeiro, vén de acontecer na ZEC (Zona de Especial Conservación) Xubia-Castro, nos concellos de San Sadurniño e As Somozas. Unha plantación de eucaliptos de 20 hectáreas dentro do espazo protexido vén de substituir a un bosque caducifolio de ladeira e ao bosque de ribeira do fondo do val, hábitat este último considerado de conservación prioritaria pola Directiva 92/43CEE. É unha información de ADEGA.
Solicitan a paralización urxente dunha plantación de eucaliptos por afectar un xacemento romano de Riotorto
Os traballos forestais estanse a desenvolver enriba dunha mina aurífera da época romana
ADEGA e MariñaPatrimonio pídenlle ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que paralice de inmediato a plantación de eucaliptos que está a prexudicar os valores patrimoniais dun xacemento mineiro da época romana de Riotorto e, ao mesmo tempo, solicita a súa inclusión no Inventario Xeral de Bens Patrimoniais de Galicia.
Roteiro “Cousa de raíces” para coñecer o bosque de ribeira
O vindeiro domingo 22 de febreiro, ADEGA realizará un novo roteiro “Cousa de Raíces” para exaltar os valores do bosque ribeira. O traxecto discorrerá polas ribeiras dos ríos Sarria e Celeiro e estaremos acompañados pola Plataforma Sarriana polo río. Este será o segundo roteiro do programa “Cousa de Raíces” a prol dos bosques galegos. O programa de roteiros 2015, titulado “Cousa de Raíces”, que ADEGA-Lugo impulsa este ano, pretende achegar as persoas participantes a algúns dos bosques máis emblemáticos do País, pero sobre todo, a lugares que representen a enorme variedade de floresta autóctona coa que contamos, pese a que nas últimas décadas está fortemente ameazada e en regresión.
Seguir lendo