Xornadas sobre a conservación e mellora dos recursos xenéticos do castiñeiro

cartel castiñeiroEste ano a xornada técnica do Centro de Investigación Forestal de Lourizán sobre castiñeiro, organizada dentro do Plan de Transferencia Tecnolóxica para o Agro 2017, tratará das actividades de investigación e desenvolvemento para a conservación e mellora dos recursos xenéticos destinados á produción de castaña, de madeira e de doble aptitude. Celebrarase o 29 de novembro na Escola Galega da Administración Pública, en Santiago de Compostela.

 

 

A xornada comezará co tema candente das variedades de castaña, xa tratado na xornada de 2016 que tivo como tema monográfico “O material vexetal para a produción de castaña”. Este ano faremos un resumo da relación de variedades tradicionais inscritas no Rexistro de Variedades Comerciais e das actividades de transferencia previstas.

cartel castiñeiro

Seguirase con dúas presentacións sobre a estrutura xeográfica do castiñeiro bravo, básica para a planificación das actividades de mellora xenética do castiñeiro e para o coñecemento da súa historia evolutiva e do seu manexo. Os últimos anos diversas investigacións indican a conservación de poboacións de castiñeiro na Península Ibérica durante o Plistoceno. Incluímos as nosas achegas ao tema para describir poboacións de diferentes orixes evolutivas que constitúen diferentes ecotipos.

Logo presentarase o programa de mellora do CIF Lourizán que ten dous obxectivos principais. O primeiro é a caracterización das poboacións base da mellora de castiñeiro europeo constituídas polas poboacións bravas, as árbores superiores seleccionadas nelas e as variedades tradicionais de castaña, que achegan calidade e adaptación, e a colección de híbridos e castiñeiros asiáticos, que proporcionan tolerancia ás enfermidades da tinta e ao cancro, así como á avespa chinesa. O segundo gran obxectivo é a creación de híbridos intra e inter-específicos para a selección de novos clons portaenxertos, produtores de madeira ou de castaña combinando características de calidade e tolerancia a axentes bióticos e abióticos.

Participará José Carlos Costas López, xefe do servizo do Medio Forestal, cunha  conferencia sobre as medidas contra a avespa do castiñeiro tomadas pola Consellería do Medio Rural, e de dúas investigadoras invitadas: Rita Lourenço da Costa do INIA de Lisboa, cunha conferencia sobre a aplicación da xenética molecular á mellora do castiñeiro por resistencia á enfermidade da tinta, e Mª Josefa Lombardero da Universidade de Santiago de Compostela, cunha conferencia sobre os potenciais parasitoides nativos que poden actuar sobre a avespa chinesa do castiñeiro.

PROGRAMA
10.00 – 10.30 Variedades inscritas no Rexistro de Variedades Comerciais.
Josefa Fernández López.
10.30 – 11.00 Estrutura xeográfica e orixe das poboacións de castiñeiro bravo
estimada con marcadores moleculares.
Javier Fernández Cruz.
11.00 – 11.30 Descanso.
11.30 – 12.00 Variación adaptativa no ritmo de crecemento e resistencia á
seca das poboacións de castiñeiro da Península Ibérica.
Beatriz Míguez Soto.
12.00 – 12.30 Árbores superiores de castiñeiro para a produción de madeira.
Santiago Barciela Rodríguez.
12.30 – 13.00 A orixe xenética da colección de árbores superiores para
madeira.
Javier Fernández Cruz.
13.00 – 14.00 A difusión da avespa do castiñeiro en Galicia e as medidas
tomadas pola Consellería do Medio Rural.
José Carlos Costas López.
16.00 – 16.45 O melloramento e a xenética molecular para a resistencia do
castiñero á Phytophthora cinnamomi.
Rita Lourenço Costa.
16.45 – 17.30 Potenciais parasitoides nativos que poden actuar sobre
Dryocosmus kuriphilus.
María Josefa Lombardero.
17.30 – 18.15 A caracterización das variedades e outros materiais de
castiñeiro polo seu comportamento fronte á avespa.
Beatriz Míguez Soto.
18.15 – 19.00 A mellora xenética do castiñeiro para obxectivos múltiples.
Josefa Fernández López.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s