As entidades promotoras da Iniciativa Lexislativa Popular na Defensa do Bosque e contra os incendios Forestais, Cousa de Raíces e a Alianza por un Rural galego Vivo, organizan para mañá e pasado actos de presentación pública da ILP na capital lucense e na vila de San Sadurniño, nos que se impartirán charlas ligadas a outras iniciativas sociais de defensa das especies propias que se desenvolveron ou que están en curso no país.
Mañá xoves, 15 de febreiro, no Salón de Actos da Deputación de Lugo, a partir das 20.00 horas, celebrarase unha mesa redonda para falar dos contidos normativos que propón esta ILP e para favorecer o debate e a reflexión sobre outras iniciativas sociais dirixidas a promover a defensa das especies propias, como a anterior ILP forestal, de finais dos anos 80, ou experiencias ligadas coa Universidade.
Intervirán Adela Figueroa Panisse, como membro da Comisión promotora da ILP, para explicar as razóns e os contidos da Iniciativa lexislativa. A continuación, o Catedrático en bioloxía Ramón Varela Díaz fará un repaso á historia forestal de Galiza dos últimos 29 anos, logo de que o Parlamento galego rexeitase a primeira ILP forestal galega presentada en 1989, tamén co obxectivo de potenciar e favorecer a posta en valor das especies forestais propias e limitar o avance do eucalipto e doutras especies foráneas. Pola súa banda, o profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo, Emilio Carral, fará unha reflexión sobre as diversas iniciativas sociais e a cultura ambiental xerada arredor da defensa do bosque galego. A mesa estará moderada por Froilán Pallín, secretario xeral de ADEGA.
O venres, 16 de febreiro, a Casa da Xuventude de San Sadurniño tamén acollerá un acto de presentación pública da ILP na defensa do Bosque, que terá lugar a partir das 20.00 horas. Nesta ocasión, contarase coa presenza de Fins Eirexas, tamén membro da Comisión Promotora da ILP e secretario executivo de ADEGA, e co relatorio do viveirista e membro da Asociación galega de Froita Autóctona (AGFA) do Eume, Ramiro Picos. AGFA do Eume ten como obxectivo prioritario a recuperación, investigación e difusión das variedades froiteiras autóctonas, como o castiñeiro ou a nogueira.