O venres 16 de marzo, ás 20 horas, no Café Cultural Ítaca de Xinzo de Limia, presentouse a ILP en defensa do bosque autóctono e contra os incendios forestais, coa intervención de Manuel Méndez e Zeltia Burgos, delegados da CIG. Neste acto tamén se proxectouse a reportaxe documental “AS NEVES ZONA 0” de Adrián González, no que se describen os efectos do lume que arrasou este concello o pasado 15 de outubro de 2017.
Manuel Méndez ”Sanquei”, bombeiro forestal e delegado da CIG, expuxo os motivos que fan que se chegue a este tipo de incendio, as velocidades de propagación e efectos doutros grandes incendios forestais que aconteceron noutras partes do mundo e no veciño Portugal con clima e vexetación moi similares á nosa e onde o eucalipto é a especie dominante.
Zeltia Burgos, tamén delegada da CIG, tratou os efectos da explotación do monte a través de monocultivos ruinosos como o eucalipto nitens, os efectos da PAC sobre o abandono do rural e as políticas do PP que, lonxe de evitalo, están a favorecelo; a forestación de terras agrarias e e as alternativas que se presentan desde a Alianza por un rural galego vivo nesta ILP.
Así mesmo, recolléronse sinaturas para ILP e acordouse establecer o café cultural Itaca como punto de recollida durante os tres meses que quedan de campaña.