O pasado sábado, 5 de maio, voluntarios e voluntarias achegáronse á Eira da Xoana para eliminar eucaliptos dunha das parcelas custodiadas pola Eira, co obxectivo de substituír estas plantas foráneas e invasoras por bosque autóctono. Actuouse sobre unha superficie de 250 m2, onde había eucaliptos cun diámetro de ata 40 cm e cunha altura media de entre 12 e 15 m. A maior parte da superficie ocupada por eucaliptos foi eliminada, quedando os exemplares máis gordos por derrubar. Na corta tamén axudaron veciños da zona.
Os eucaliptos presentes nas parcelas custodiadas pola Fundación Eira e ADEGA apareceron tras os incendios da zona en 2003, que favoreceron o espallamento e a proliferación de sementes de eucalipto en zonas de bosque autóctono. De feito, nesta mesma parcela aínda se conservan exemplares de carballos, castiñeiros, sobreiras e loureiros, entre os que decorre un pequeno rego de auga.
A Fundación Eira pretende ampliar a eliminación de eucaliptos a parcelas da súa propiedade e a outras parcelas das que non é titular pero que ten en custodia arredor da Eira da Xoana, co beneplácito dos seus propietarios. O obxectivo é liberar desta especie invasora unhas 3 hectáreas da contorna.