Cos votos contrarios do PP (37), a abstención do PSOE (14) e o voto favorable de En Marea e BNG (20), onte o Parlamento Galego rexeitou dar unha oportunidade aos nosos bosques fronte ao cambio climático, os lumes e os eucaliptos. Ante o lamentable resultado da votación, que desoe unha vez máis a vontade da sociedade galega de mudar o modelo de xestión forestal e de favorecer un monte con futuro, no que se aposte pola madeira de calidade, os produtos do bosque e pola sostibilidade dos aproveitamentos, non renunciaremos desde as organizacións promotoras a seguir loitando por un monte galego vivo, multifuncional e sustentábel. Así mesmo, queremos destacar os aspectos positivos desta ILP que, sen dúbida, se converteu nunha boa forma de crear conciencia sobre os impactos negativos da expansión incontrolada do eucalipto, serviu para reunir e agrupar colectivos, entidades e persoas que desexan ou traballan por outro tipo de monte e constribuíu a visibilizar unha alternativa de monte posible e alcanzable. MOITAS GRAZAS a todas as persoas que puxéstedes a vosa sinatura, alma e corazón nesta ilusión! Agora, a seguir…!