Rexeitada no Parlamento a ILP na defensa do Bosque galego

Cos votos contrarios do PP (37), a abstención do PSOE (14) e o voto favorable de En Marea e BNG (20), onte o Parlamento Galego rexeitou dar unha oportunidade aos nosos bosques fronte ao cambio climático, os lumes e os eucaliptos. Ante o lamentable resultado da votación, que desoe unha vez máis a vontade da sociedade galega de mudar o modelo de xestión forestal e de favorecer un monte con futuro, no que se aposte pola madeira de calidade, os produtos do bosque e pola sostibilidade dos aproveitamentos, non renunciaremos desde as organizacións promotoras a seguir loitando por un monte galego vivo, multifuncional e sustentábel. Así mesmo, queremos destacar os aspectos positivos desta ILP que, sen dúbida, se converteu nunha boa forma de crear conciencia sobre os impactos negativos da expansión incontrolada do eucalipto, serviu para reunir e agrupar colectivos, entidades e persoas que desexan ou traballan por outro tipo de monte e constribuíu a visibilizar unha alternativa de monte posible e alcanzable. MOITAS GRAZAS a todas as persoas que puxéstedes a vosa sinatura, alma e corazón nesta ilusión! Agora, a seguir…!

Dende a Comisión Promotora, integrada por representantes da Alianza por un Rural Galego Vivo (ADEGA, CIG, FRUGA e a ORGACCMM) e as organizacións da Rede Cousa de Raíces, queremos agradecer aos grupos políticos que apoiaron esta ILP (BNG e En Marea) a súa preocupación e sensibilidade cara a preocupante situación dos nosos montes en particular e do rural galego en xeral. Vaia por diante tamén o agradecemento ás máis de 40.000 persoas que manifestaron o seu compromiso e entusiasmo en defensa dos nosos bosques, ás que dende as organizacións promotoras aseguramos que non imos renunciar a un monte galego vivo, multifuncional e sustentábel.

O PP seguíu o guión agardado e impuxo o seu voto contrario á ILP, fiel ao modelo que dende a patronal pasteiro-enerxética impoñen dende hai décadas. Coa excusa da súa “inoportunidade” e ao fío das conclusións da Comisión Parlamentar dos Lumes, nas que fían coma un dogna de fe, o representante do PP señor Blanco artellou a súa intervención arredor do eucalipto. Malia a que como relatou a poñente esta non era unha ILP contra o eucalipto senón a favor do bosque autóctono, o PP teimou en defender as bondades desta árbore, mesmo cuestionando o seu carácter invasor (“o eucalipto non rebrota”) e pirófilo (“o eucalipto non arde”).

Máis inesperada e sorprendente foi a abstención do PSOE, fundamentada nas dúbidas sobre a “oportunidade” da iniciativa e en discrepancias co contido, que tampouco non foron explicadas. Ao igual que o PP, fían a solución dos problemas do monte ás conclusións da Comisión dos Lumes, que votaron a favor xunto co PP, e ás e receitas dos expertos nela consultados. Semella que despois de 40 anos fronte á evidencia, o grupo socialista segue debatendo se eucaliptos ou piñeiros, mentres os nosos bosques esmorecen e o rural despobóase. Ao PP tenlle saído un novo aliado nas súas políticas eucaliptizadoras e ruralicidas, para maior gloria de ENCE.

A voceira da Comisión promotora Virxinia Rodríguez insistíu na necesidade de abordar con decisión un problema que todos recoñecen, e que semella moi poucos queren afrontar. Non abonda cun novo Plano Forestal se valida o fracaso do anterior e non corrixe os resultados de 40 anos de eucaliptización. Os nosos bosques merecen máis valentía por parte dos responsábeis políticos para asumir os erros e corrixilos, en troques de tentar ignoralos. Por segunda vez en 30 anos o Parlamento de Galiza dá as costas ao futuro do monte galego.

Agardemos que dentro doutros 30 haxa aínda algún bosque que protexer.

A Comisión Promotora, novembro de 2018.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s