Produtivo debate luso-galaico sobre a floresta autóctona e a problemática do eucalipto en Caminha

20190309_161325O pasado sábado, 9 de marzo, tivo lugar na localidade lusa de Caminha o debate “Floresta Autóctone, unha visão luso-galaica” organizado pola Aliança pela Floresta Autóctone e a COREMA-Associaçao de Defesa do Património-. Na xornada participou, en representación da rede galega polo bosque autóctono “Cousa de Raíces”, o biólogo Cosme Damián Romay Cousido, quen nos agasalla con esta crónica do encontro. Desde Cousa de Raíces sentímonos orgullosas de que nos teña representado.

20190309_154820Á súa chegada ao Museu Municipal de Caminha, Romay Cousido foi recibido por representantes da Aliança pela Floresta Autóctone portuguesa e da asociación Corema de Caminha. Tamén acudiu Basílio Domingos, en representación da Câmara Municipal de Caminha. A xornada comezou coas intervencións dos respectivos voceiros da Aliança, de Corema e o dr. Domingos. En xeral, falaron das consecuencias dos incendios forestais, dos beneficios do monte multiprodutivo e da situación neste eido do concelho de Caminha, co 42% de área forestal, parte da cal está dentro do ZEC Serra d’Arga. Destacouse ademais que neste lugar se localizaron 32 especies “raras, endémicas e/ou ameazadas”,  123 especies de aves, 33 de mamíferos, 12 de réptiles, 10 de anfibios e 5 de peixes; destas só 4 exóticas. Ao finalizar as palabras de boas-vindas a sala do Museu atinxiu o seu máximo quórum, que foi dunhas 50 persoas.

A intervención de João Paulo Carvalho

20190309_163822A seguir, o outro relator, João Paulo Carvalho, da Universidade de Trás-os-Montes fixo a súa palestra sobre as carballeiras. A súa liña de investigación é contribuír ao mellor coñecemento do bosque, e o papel neste de diversos axentes sociais, económicos e políticos. Explicou que no mundo hai 465 especies do xénero Quercus, distribuídos case exclusivamente entre o ecuador e os 55ºN; e que en Portugal había apenas un 2% do territorio con carballeiras de Q. robur e un 11% de Q. ilex. Carvalho afirmou que os Quercus son excelentes cortafogos, unha vez que dentro das masas que Quercus había ata 5ºC menos que nunha masa similar de Pinus, -6% de humidade relativa e +4% de humidade do sotobosque. O 20% do CO2 global está retido nos bosques.

Nunha segunda parte da súa exposición tratou sobre a silvicultura Pró-Silva (www.prosilvaportugal.pt), na que “sempre há árvores que cortar”, e que logra aumentar ata un 40% o CO2 retido nas florestas, fomentar a biodiversidade e ofrecer ata 500 € de valor por hectárea e ano en termos non-silvícolas (turismo, recolección de froitos, cogumelos, etc.), alén do beneficio da venda da madeira (economía directa). Neste senso, apunta que ata 70.000 m3 de carballo son importados anualmente a Portugal, mentras só 5.000 m3 son exportados. Para Paulo Carvalho existe moita marxe para o crecemento da silvicultura do carballo; p. ex. en Francia pasouse en 1947 de 1.6 millóns de m3 de madeira de carballo nos montes a 3.2 millóns en 1989, e a día de hoxe hai moita máis.

A intervención deCosme Damián Romay Cousido

O biólogo galego e membro de Cousa de Raíces, Cosme Damián Romay Cousido,  acudiu a esta cita en representación da rede a prol do bosque galego. Romay versou sobre a eucaliptización progresiva de Galiza, e tamén de Asturias, non sen antes abordar a orixe do Eucalyptus propia de Australia, Nova Guiné e illas próximas, e a súa variabilidade de especies (unhas 700). Explicou como unhas poucas destas especies foron seleccionadas para efectuar plantacións fóra destas áreas de distribución orixinal, motivados polo seu interese para a industria pasteira, como material de construción e como combustible. Afondou sobre o auxe que experimentaron as plantacións de especies de Eucalytus  desde mediados do século XX, superando os 19 millóns de hectáreas en 2008 e os 25 millóns en 2016. En Galiza hai xa máis de 0.5 millóns de hectáreas plantadas.

Foto_cosmeTamén quixo diferenciar o significado de “bosque” (=ecosistema natural complexo, dominado por especies arbóreas e a súa vexetación acompañante, animais, fungos e microorganismos; establécense interrelacións perdurables no tempo); e unha “plantación forestal” (=conxunto de árbores normalmente uniformes e da mesma idade plantados pola súa interese comercial; adoita estar formado por especies alóctonas que non establecen interrelacións perdurables coas especies autóctonas). Destacou o grande impacto que estas plantacións de eucaliptos causan sobre o solo, sobre outras plantas (efectos alelopáticos) e sobre os cauces fluviais e reservas hídricas. Tamén o seu poder propagador do lume e dos incendios forestais, malia que este feito é negado pola industria pasteira.

Romay Cousido analizou 20 publicacións científicas do último medio século, do que conclúe que, no ámbito académico, existe unanimidade en afirmar que as plantacións de eucalipto afectan negativamente á biodiversidade. Lembrou aos presentes que tamén o Comité Científico do Ministerio de Medio Ambiente español considera os eucaliptos como plantas invasoras, aínda que o propio Ministerio, a Xunta de Galicia e a industria pasteira, defenden o contrario.

Cualificou o panorama forestal galego como desolador ante a proliferación incontrolada de novas plantacións con Eucalyptus nitens, resistente ás xiadas, que xa están afectando  e invadindo grandes áreas das comarcas do interior (en especial no val do Miño e marco montañoso contiguo) ata agora libres de eucaliptos. Así e todo, seguen aparecendo estudos en Galiza e Asturias que confirman que densidade de aves en carballeiras ou bosques de ribeira é ata 6 veces superior aos eucaliptais. Cando menos en Asturias o resto de bosques autóctonos e incluso as zonas arbustivas atinxen valores de densidades de aves ata 4 veces superiores aos obtidos en eucaliptais

O representante de Cousa de Raíces rematou a súa intervención animando á  acción colectiva das mancomunidades de montes máis concienciadas coas figuras de montes multiprodutivos e de particulares concienciados para poñer freo á expansión dos eucaliptos. Tamén destacou o feito de que cada vez sexan máis os concellos galegos que se declaran “Libres de Eucaliptos”, unha medida positiva pero  que se debe traducir en accións reais tanto a curto como a longo prazo.

Debate final

20190309_161325O debate co público foi intenso, variado demorou máis de hora e media. Falouse da historia da xestión forestal en Portugal, que ata o século XIX dependía do Ministério da Marinha (para 1 só navía había que abater ata 5000 árbores), dos incendios forestais, das celulosas, dunha eventual e desexable cooperativa do carballo de Portugal (o profesor João Carvalho xa desenvolveu un proxecto similar que non foi adiante), dos baldios (comunidades de montes en Portugal) e da necesidade dunha estratexia estatal no forestal.

En resumo, unha xornada moi interesante, produtiva e ben organizada. Agradecer á Aliança pela Floresta Autóctone, a associação Corema, á Câmara Municipal de Caminha e a João Carvalho o facer posible a xornada e ternos convidado á mesma.

Nova relacionada: https://cousaderaices.wordpress.com/2019/02/25/cousa-de-raices-acudira-a-caminha-para-participar-no-debate-luso-galaico-sobre-o-bosque-autoctono/

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s