Os pasados días 21 e 23 de marzo, co gallo da celebración do Día Mundial do Bosques, a rede a prol do bosque galego, Cousas de Raíces, lanzou a primeira campaña de “Deseucaliptización Simultánea” de Galicia. A iniciativa saldouse cun grande éxito de participación, con máis de 360 persoas voluntarias, e sobre todo, con impresionantes resultados na eliminación de especies exóticas invasoras dos montes galegos: máis de 205.000 exemplares de eucaliptos e acacias, entre gromos de cepa, plántulas e unidades de maior porte. Cousa de Raíces agradece fondamente o compromiso e xenerosidade das entidades e persoas participantes nesta primeira edición deseucaliptizadora e convida a participar en novas convocatorias.
A I Deseucaliptización Simultánea de Galicia, promovida por Cousa de Raíces, estivo encamiñada a favorecer unha retirada simultánea, en diversos puntos do país, de masas de eucaliptos e doutras especies forestais foráneas e invasoras, como as acacias negras e mimosas, que están a ocupar grandes superficies no monte galego, prexudicando as especies propias e proliferando descontroladamente. A finalidade foi a de poñer de manifesto que outro modelo forestal en Galicia é posible e necesario e que non debemos chamarlle bosque ao que non o é, como é o caso das formacións de especies forestais exóticas e invasoras.
Entre os días 21 e 23 de marzo desenvolvéronse un total de 11 actuacións de eliminación promovidas por 20 colectivos de carácter ecoloxista, cultural e veciñal, entre os que tiveron especial protagonismo as comunidades veciñais de montes en man común.
Resultados da I Xornada de Deseucaliptización 2019 | |
Nº participantes | 364 |
Nº de especies eliminadas | 5 |
Superficie de actuación (m2) | 144037 |
Nº de pes eliminados | 206892 |
En total, a participaron na I Deseucaliptización Simultánea de Galicia foi de 364 persoas que se entregaron a fondo para peneirar preto de 145.000 metros cadrados (14,5 Ha) de monte na busca de gromos, plántulas ou plantas de maior porte de especies exóticas invasoras. Nesta pescuda, a especie invasora máis eliminada foi sen dúbida o Eucalyptus globulus, seguida da acacia negra ou melanoxylon, da mimosa ou Acacia dealbata e da herba da pampa ou Cortaderia selloana. Tamén se eliminaron algúns pés de Pinus radiata nos montes de Rebordelo.
Á falta de confirmar algúns datos ofrecidos polas entidades promotoras das eliminacións, o número de pés vexetais eliminados en total, entre gromos e exemplares de maior envergadura, superou as 205.000 unidades, acadando a impresionante cifra de 206.892 pés de eucaliptos e acacias eliminados do bosque galego. Grazas a estas accións, estes exemplares de especies exóticas e invasoras deixarán de medra no bosque galego e, por tanto, de crear os impactos negativos que exercen sobre as especies autóctonas, a biodiversidade, o solo e a proliferación de incendios forestais.
Se queres coñecer con maior detalle os datos da superficie sobre a que se actuou e os pés eliminados de cada unha das accións de eliminación de especies exóticas invasoras, preme na táboa de resultados.
O VALOR DA ACCIÓN COLECTIVA NA DEFENSA DO MONTE
Os resultados acadados na I Deseucaliptización Simultánea de Galicia confirman que gran parte da sociedade galega aposta e pula por outro modelo forestal en Galicia, no que se primen as especies autóctonas e se eliminen aquelas outras que están a crear un agravio ambiental, cultural e paisaxístico para o noso territorio. Tamén demostran que as accións colectivas de voluntariado, por puntuais ou pequenas que sexan, poden exercer unha grande influencia no destino dos nosos montes.
Ao mesmo tempo, a participación activa e masiva que tivo esta iniciativa dá folgos á rede galega Cousa de Raíces para continuar a defender o bosque galego a través da celebración de novas xornadas deseucaliptizadoras por todo o país ou doutro tipo de accións colectivas que sigan apelando ás administracións públicas, nomeadamente á Xunta, a mudar de modelo forestal e que, ao mesmo tempo, respalden con feitos (e non só coa palabra) o bosque galego e actúen contra a expansión das especies foráneas e invasoras.
Desde Cousa de Raíces, agradecemos encarecidamente o encomiable labor que realizaron todas aquelas persoas, colectivos e comunidades de montes que participaron nesta primeira convocatoria de acción simultánea para deseucaliptizar e desacacializar os nosos montes. Así mesmo, convidámolas a seguir participando nas seguintes xornadas deseucaliptizadoras que se convoquen.
Moitas grazas a todas por coidar do noso monte e do noso bosque! Ata a próxima!
ALBÚM FOTOGRÁFICO: I Deseucaliptización Simultánea de Galicia:
- ÁLBUM COMPLETO
- Montes de Rebordelo (Cerdedo-Cotobade)- ADEGA-Vigo e CMVMC Rebordelo
- Montes de Lourizán (Pontevedra)- APDR
- Monte da Fraga (A Coruña)- UDC e ADEGA
- Campo no río Tea (Mondariz)- ADEGA-Proxecto Ríos
- Monte A Picaraña (Ponteareas)- CMVMC de Ponteareas
- A Chousa Vella (Ramil, Agolada)- Fundación Eira e ADEGA
- Monte de Laredo (Caldas de Reis)- CMVMC de Carracedo
- Montes de Tourón (Melón)- Amigos da Terra, CMVMC Tourón e Asoc. Vergasta
- Montes de Gradín (Ponte Caldelas)- A Rente de Chan-Pladever
- Monte da Madroa (Teis)- Arlequín e CMVMC de Teis
- Montes de Froxán (Lousame)-Verdegaia (brigadas deseucalip.) e CMVMC de Froxán
Pingback: Boletín Oficial Esfeiro: abril 2019 - ESF Galicia