Na II Edición da Deseucaliptización Simultánea de Galicia, convocada pola rede a prol do bosque galego “Cousa de Raíces”, realizaranse 15 accións de eliminación de especies forestas exóticas invasoras, nomeadamente, de eucaliptos, acacias e mimosas. Estas actuacións estarán organizadas, á súa vez, por 25 entidades, entre o 1 e o 15 de xuño, para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente. Desde Cousa de Raíces animamos a sociedade galega a participar activamente nestas xornadas de eliminación de invasoras co fin de contribuír ao cambio cara un monte sustentable e demostrar que outra xestión forestal é posible!
Monthly Archives: Maio 2019
II Deseucaliptización simultánea de Cousa de Raíces na Semana do Medio Ambiente
Cousa de Raíces, a rede de entidades e colectivos galegos na defensa do bosque galego, convoca unha II Xornada Deseucaliptizadora Simultánea en toda Galicia con motivo da semana mundial do Medio Ambiente. Logo do excelente resultado colleitado na primeira deseucaliptización simultánea celebrada hai 2 meses coincidindo co Día mundial dos Bosques, e na que se chegaron a eliminar máis de 200.000 eucaliptos e acacias dos nosos montes, propoñemos unha nova xeira de accións colectivas e voluntarias de eliminación de eucaliptos, acacias e outras especies exóticas invasoras na primeira semana de xuño, dedicada mundialmente á defensa do medio ambiente. Animámoste a participar nalgunhas das accións xa convocadas ou a organizar unha no teu monte. Se queres unirte a experiencia, contacta con Cousa de Raíces (cousaderaices@adega.gal).