Uns 15 montes galegos serán liberados de eucaliptos e acacias na II Deseucaliptización simultánea

Cartaz II Deseucaliptización SimultáneaNa II Edición da Deseucaliptización Simultánea de Galicia, convocada pola rede a prol do bosque galego “Cousa de Raíces”, realizaranse 15 accións de eliminación de especies forestas exóticas invasoras, nomeadamente, de eucaliptos, acacias e mimosas. Estas actuacións estarán organizadas, á súa vez, por 25 entidades, entre o 1 e o 15 de xuño, para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente. Desde Cousa de Raíces animamos a sociedade galega  a participar activamente nestas xornadas de eliminación de invasoras co fin de contribuír ao cambio cara un monte sustentable e demostrar que outra xestión forestal é posible!

Cartaz II Deseucaliptización SimultáneaUnhas 25 entidades de carácter ecoloxista, cultural, veciñais e comunidades de montes responderon á segunda convocatoria de Cousa de Raíces para realizar unha eliminación simultánea de especies exóticas invasoras, desta volta, con motivo da celebración do Día do Medio Ambiente. O obxectivo desta II Deseucaliptización Simultánea é resaltar os efectos negativos das especies exóticas invasoras nos montes galegos, nomeadamente os eucaliptos e as acacias ou mimosas, e reivindicar outra forma de xestión forestal do monte, onde primen as especies forestais autóctonas, se preserve a biodiversidade, se diversifiquen as funcionalidades do monte e onde haxa un ordenamento real do territorio. Cabe lembrar que as especies exóticas invasoras erosionan o solo, desprazan as especies propias, favorecen os lumes forestais, afectan os recursos fluviais ou alteran a paisaxe, entre outras consecuencias ambientais, alén de xerar elevados custos económicos para a comunidade de propietarios/as.

O ciclo de actuacións comezará mañá sábado, 1 de xuño, no Monte de Fornelos de Monfero e rematará o vindeiro 15 de xuño en Vigo, no Monte da Guía, sumando en total 15 saídas deseucaliptizadoras e/ou desacacializadoras repartidas nas catro provincias galegas. Pontevedra volve ser a provincia con maior número de accións, 7 en total, 2 delas en Vigo,  e as outras en Lourizán, Moaña, Gondomar, Pontecaldelas e Cerdedo-Cotobade. Na provincia da Coruña convócanse 5 accións de eliminación en montes dos concellos de Ferrol, Monfero, Corcubión, Lousame e Rianxo. Ourense acolle dúas actuacións nos montes de Cenlle e Melón e, en Lugo, acudirase a Ramil (Palas de Rei).

Captura de pantalla 2019-05-31 a las 12.10.42

Grande parte das actuacións consistirán na eliminación de tocóns e rebrotes de eucaliptos e acacias que rexurdiron tras os lumes de outubro de 2017, así como traballos que darán continuidade aos xa iniciados na primeira edición de eliminación simultánea convocada por Cousa de Raíces hai dous meses. Tamén se abordarán traballos en lugares con presenza de hábitats naturais prioritarios, como é o caso da que se vai desenvolver no Parque Natural da Fragas do Eume pola asociación de custodia Bétula, ou na de Froxán, en Lousame. Nalgúns casos, as accións completaranse con repoboacións de especies forestais autóctonas.

A xornada máis prolífica desta convocatoria será o sábado, 8 de xuño, con 9 accións de eliminación, aínda que tamén se suman á celebración mundial do Medio Ambiente a través dunha deseucaliptización simultánea outras 5 iniciativas, repartidas entre os días  1, 5, 7, 9 e 15 de xuño.

As entidades que nesta ocasión acudiron ao chamado de Cousa de Raíces: ADEGA, Couto da Eirexiña, Comando Ghichas, ,As Brigadas deseucaliptizadoras, Verdegaia, Montescola, A Rente do Chan-Pladever, Arlequín (MonTeis), Voces polo litoral de Teis, APDR, Bétula, Amigos da Terra, Asociación Vergasta, Boca do Sapo, Fundación Eira; os colectivos veciñais de Lentille, Tirán, A Movemento veciñal Fousas ao Monte; e, as comunidades de montes veciñais en man común de Tourón (Melón), O Fieitoso (Rianxo), Teis (Vigo), Lourizán (Pontevedra),  Froxán (Lousame) e Rebordelo (Cercedo-Cotobade).

Cousa de Raíces ofrecerá proximamente os resultados da II Deseucalptización Simultánea que na primeira edición acadou a eliminación de máis de 200.000 pés de eucaliptos e acacias.

PARTICIPA NA DESEUCALIPTIZACIÓN SIMULTÁNEA DE COUSA DE RAÍCES

Pódeste incribir previamente en calquera destas accións de deseucaliptización e eliminación de especies exóticas invasoras, contactando coas entidades promotoras de cada unha delas a través dos teléfonos e dos emails que se sinalan no mapa de actuacións e na seguinte Táboa deseucaliptizacion simultanea 2019 (II).

Cartaz II Deseucaliptización Simultánea

Anímate a deseucaliptizar o país!!!

 

 

2 thoughts on “Uns 15 montes galegos serán liberados de eucaliptos e acacias na II Deseucaliptización simultánea

  1. Alégrome de que se leven a cabo este tipo de iniciativas. Levo medio ano vivindo en Marín e é descorazonador a cantidade de eucalipto que hai por aquí. O eucalipto no só despraza a fauna e flora autóctonas e reduce a biodiversidade, senon que deseca e detrúe o chan. A favor da mimosa, a pesares de seres invasiva e non deixar medrar outras cousas debaixo (penso que solta algún tipo de “tóxico” que impide a outras arbores medrar con normalidade na sua proximidade), debo dicir que permite a vida de moitas especies animais entre as cales inmumerables paxariños. Non só iso, senon que do mesmo xeito que o toxo ou a xesta, é fixadora de nitrógeno e polo tanto unha boa precursora para outras plantas unha vez se eliminadas. Vamos, que a diferencia é que a zona de eucalipto é máis lenta de recuperar por mor da degradación do chan.
    E xa postos teño unha dúbida. O ano pasado nun monte perto de Ourense que están dende anos a destrozar pra plantar eucalipto sustituiron unha zona de piñeiro e carballo e morogo (xóvenes, os carballos non eran de máis de catro ou cinco metros) por eucalipto. Teño entendido que non se pode facer nova plantación onde medran frondosas autóctonas. É iso certo?
    Un saúdo, ánimo, e gracias polo vos labor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s