Os pasados días 21 e 23 de marzo, co gallo da celebración do Día Mundial do Bosques, a rede a prol do bosque galego, Cousas de Raíces, lanzou a primeira campaña de “Deseucaliptización Simultánea” de Galicia. A iniciativa saldouse cun grande éxito de participación, con máis de 360 persoas voluntarias, e sobre todo, con impresionantes resultados na eliminación de especies exóticas invasoras dos montes galegos: máis de 205.000 exemplares de eucaliptos e acacias, entre gromos de cepa, plántulas e unidades de maior porte. Cousa de Raíces agradece fondamente o compromiso e xenerosidade das entidades e persoas participantes nesta primeira edición deseucaliptizadora e convida a participar en novas convocatorias.
Uns 20 colectivos súmanse á deseucaliptización simultánea de Galicia
Preto de 20 colectivos galegos responderon ao chamado da plataforma a prol do bosque galego, Cousa de Raíces, para sumarse a unha deseucaliptización simultánea en Galiza, con motivo do Día Mundial Forestal ou dos Bosques. Comunidades de Montes, colectivos ecoloxistas, agrupacións culturais, a Universidade da Coruña e diversos proxectos de custodia do territorio organizan para mañá e o vindeiro sábado, 23 de marzo, máis dunha decena de accións de eliminación de eucaliptos e doutras plantas exóticas invasoras, como as acacias. Se queres participar nalgunha delas, preme no mapa.
Deseucaliptización simultánea en Galiza con motivo do Día Mundial dos Bosques
A rede a prol do bosque galego, Cousa de Raíces, propón celebrar o Día Mundial dos Bosques cunha “Deseucaliptización Simultánea” por toda Galiza. Esta plataforma, conformada por máis de 60 entidades, convida a centros educativos, colectivos, asociacións, plataformas e particulares a promover iniciativas de eliminación de eucaliptos e doutras plantas invasoras dos montes galegos durante a vindeira semana, con motivo do Día Internacional dos Bosques. Todas aquelas persoas ou entidades que teñan previsto realizar unha actividade de deseucaliptización ou eliminación de eucaliptos en calquera punto do país, poderán sumarse a esta iniciativa, enviando os datos que se requiren a continuación, antes do mércores, 20 de marzo.
Produtivo debate luso-galaico sobre a floresta autóctona e a problemática do eucalipto en Caminha

Cousa de Raíces acudirá a Caminha para participar no debate luso-galaico sobre o bosque autóctono
A Aliança pela Floresta Autóctone e a COREMA -Associaçao de Defesa do Património- convidaron a Cousa de Raíces a participar nun ciclo de conferencias sobre a situación da Floresta ou Bosque autóctono do país veciño. O vindeiro sábado, 9 de marzo, o biólogo Cosme Damián Romay Cousido acudirá a Caminha para dar a coñecer a experiencia de Cousa de Raíces na defensa do bosque galego, ademais de explicar a fondo o proceso de eucaliptización que está a vivir o espazo forestal galego en detrimento das especies propias. O acto, titulado “Floresta Autóctone, uma visão luso-galaica”, terá lugar no Auditorio do Museu Municipal de Caminha ás 15.00 horas e será aberto para todo tipo de públicos. Do lado luso participará o doutor de silvicultura João Carvalho.
Rexeitada no Parlamento a ILP na defensa do Bosque galego
Cos votos contrarios do PP (37), a abstención do PSOE (14) e o voto favorable de En Marea e BNG (20), onte o Parlamento Galego rexeitou dar unha oportunidade aos nosos bosques fronte ao cambio climático, os lumes e os eucaliptos. Ante o lamentable resultado da votación, que desoe unha vez máis a vontade da sociedade galega de mudar o modelo de xestión forestal e de favorecer un monte con futuro, no que se aposte pola madeira de calidade, os produtos do bosque e pola sostibilidade dos aproveitamentos, non renunciaremos desde as organizacións promotoras a seguir loitando por un monte galego vivo, multifuncional e sustentábel. Así mesmo, queremos destacar os aspectos positivos desta ILP que, sen dúbida, se converteu nunha boa forma de crear conciencia sobre os impactos negativos da expansión incontrolada do eucalipto, serviu para reunir e agrupar colectivos, entidades e persoas que desexan ou traballan por outro tipo de monte e constribuíu a visibilizar unha alternativa de monte posible e alcanzable. MOITAS GRAZAS a todas as persoas que puxéstedes a vosa sinatura, alma e corazón nesta ilusión! Agora, a seguir…!
Máis de 70 colectivos esiximos conxuntamente a retirada do novo Plano Forestal
Por eucaliptizador, pirófilo, lesivo para a biodiversidade, privatizador… Máis de 70 colectivos ecoloxistas, comunidades de montes, sindicatos, organizacións sectoriais e empresariais, entre as que están as integrantes da rede a prol do bosque autóctono “Cousa de Raíces”, vimos de alegar conxuntamente o texto da primeira revisión do novo Plano Forestal do PP-ENCE. Ti tamén podes presentar estas alegacións no teu nome en calquera rexistro público ata o venres 5 de outubro. Descarga, imprime e cubre cos teus datos o MODELO DE ALEGACIÓNS.
Os días 6 e 7 de outubro: Repoboación de bosque nos Montes de Rebordelo
O proxecto de custodia ambiental “Bosques con Vida”, no que colaboran a Comunidade de Montes de Rebordelo e a asociación ecoloxista ADEGA, convídate á primeira xeira de voluntariado ambiental os vindeiros días 6 e 7 de Outubro na parroquia de Rebordelo, no concello de Cerdedo-Cotobade. Poderás participar na restauración ambiental de charcas e no estudo da súa biodiversidade, na repoboación con especies autóctonas en zonas queimadas polos incendios do ano pasado e nun roteiro ambiental interpretativo. Inscríbete!
Cousa de Raíces, presente nas Xornadas “As oportunidades do lume” do GDR Condado-Paradanta
Desde o pasado 25 de agosto ata o vindeiro 14 de setembro están a ter lugar as Xornadas técnicas “As oportunidades do lume”, impulsadas na zona cero dos lumes do pasado mes de outubro polo GDR Condado Paradanta, para reflexionar e debater sobre a orientación que lle queremos dar ao noso patrimonio natural. Nestas xornadas estarán presentes algúns dos colectivos membros de Cousa de Raíces como Tesouros de Galicia, Amarelante ou a Comunidade veciñal de Montes en Man Común de Froxán (Lousame) ou Ridimoas co obxectivo de expoñer os seus casos como exemplos reais de boas prácticas na xestión do monte e na prevención de lumes forestais, e que escapan á eucaliptización do monte.
A campaña galega pola Obxección Fiscal fai unha doazón a Cousa de Raíces
O Espazo Aberto Antimilitar doa á rede Cousa de Raíces e á súa campaña da “ILP na Defensa do Monte Autóctono” 174 euros recadados durante a campaña galega pola Obxección Fiscal. O proxecto de Cousa de Raíces a prol do bosque autóctono foi un dos agraciados por esta organización ao considerar que busca a transformación social, un mundo mellor e a defensa da nosa natureza fronte aos lumes, a explotación industrial dos bosques e a especulación. Grazas compañeiras/os!