Dentro da campaña “Cousa de Raíces” en defensa dos nosos bosques autóctonos, queremos dar resposta ás numerosas consultas e denuncias de plantacións de eucaliptos. Moitas destas plantacións nen sequera cumpren cos mínimos legais, de xeito que mediante unha denuncia podemos esixir da Xunta o cumprimento da norma e, como xa ten acontecido en moitos casos, conquerir a retirada dos eucaliptos plantados ilegalmente e a súa substitución por frondosas autóctonas.
Entendemos, como propugna a campaña “Cousa de Raíces”, que son a divulgación e a concienciación do valor e as oportunidades vencelladas ao mantemento dos bosques autóctonos, as ferramentas máis efectivas para promover a súa conservación. Por tanto, este ”Kit de resposta rápida” pretende ser un instrumento útil para salvagardar aquelas masas ameazadas por plantacións de eucaliptos, mediante a denuncia de actuacións ilegais.
Á marxe das actuacións que calquera particular ou entidade queira desenvolver usando este “kit”, en “Cousa de Raíces” seguiremos recollendo, trasladando á administración e denunciando aquelas cortas ou plantacións ilegais que ameazan a supervivencia das nosas frondosas autóctonas.