24 e 25 de febreiro,mirando polos nosos bosques

Os nosos bosques precisan do traballo voluntario das xentes de ben.Veleiquí o cartaz das actividades simultáneas artelladas para esta final de semana:

O seguinte vínculo vos a levar ó formulario de inscrición das distintas accións, con información individualizada de cada unha delas. Animádevos a participar.

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScVbTWRYjfX6w-CzgClFQaELqZZ2Aa3nJ3n9lc0ZAIVaGPWoQ/viewform?usp=sf_link

CELULOSA DE ALTRI: o río Ulla e o mar de Arousa en perigo !!

A Plataforma Ulloa Viva , conformada por diversos colectivos afectados polo proxecto dunha nova celulosa no centro xeográfico da Galiza, está a informar por diferentes canles do que suporía para a nosa terra a consecución deste plan sinsentido e tremendamente perigoso .

Vamos partillar algúns dos argumentos expostos polas compañeiras da citada Plataforma:

O proxecto ocuparía 366 ha, instalaría dúas factorías: unha para elaborar pasta solúbel, e unha segunda para elaborar fibra téxtil. O emprazamento destruiría hábitats de altísimo valor ecolóxico. A eucaliptización sería a nova paisaxe da zona centro da Galiza. No proceso de fabricación se contaminarían augas e a atmosfera. O elevado consumo de auga sería outra característica fundamental deste proxecto: consumiría ao día máis que toda a provincia de Lugo. O 80% da auga captada volvería ao río contaminada.

Photo by Tahir Osman on Pexels.com

Ulloa Viva está nas redes e continúa a organizar diferentes accións reivindicativas e informativas para paliar o escurantismo imposto tanto pola empresa depredadora coma polas administracións.

Se precisades de información completa e técnica, visitade a páxina web adega.gal onde podedes atopar, entre outras, as seguintes publicacións:

Colectivos ecoloxistas advirten do impacto de Altri na Ulloa.

Altri ocultou información sobre o impacto da súa factoría na Rede Natura e sobre endemismos en perigo.

ADEGA esixe ao Ministerio que exclúa a celulosas como ALTRI e ENCE das axudas PERTE

“Eucalyptus” invasores

Xa hai un tempo, o Grupo Naturalista Hábitat elaborou un decálogo para a catalogación oficial do xénero Eucalyptus como especie exótica invasora. Queremos partillalo coa comunidade de COUSA DE RAÍCES, salientando as ideas principais do mesmo:

  • Que a expansión dos monocultivos das árbores do xénero Eucalyptus en Galicia é un dos tres principais problemas ambientais da comunidade.
  • Que existe en Galicia unha industria forestal, baseada principalmente na plantación masiva de eucaliptos, que é insostible ambientalmente.
  • Que, segundo o ditame unánime e ben argumentado cientificamente do Comité Científico do antigo Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (ano 2017), todas as especies de Eucalyptus naturalizadas en España deben ser incluídas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras.
  • Que o Goberno de España rexeitou dita inclusión empregando como argumento un único informe dun académico con vínculos coa pasteira ENCE.
  • Que recursos e iniciativas posteriores para lograr a aplicación do ditame do devandito Comité Científico, e incluír aos eucaliptos como invasores, foron infrutuosas.
  • Que existen novas evidencias do carácter invasivo do xénero Eucalyptus, publicadas despois de 2017.
  • Que, a pesar das evidencias, sectores próximos aos monocultivos de eucalipto en Galicia seguen a publicar artigos sobre as supostas “bondades” destas árbores exóticas, obviando ou negando o seu carácter invasor.
  • Existe unha urxencia na declaración dos eucaliptos como invasores, para diminuír o risco de grandes incendios amparados na moito maior inflamabilidade dos monocultivos de eucaliptos comparados coas frondosas caducifolias.
  • A deseucaliptización, unida a medidas de restauración de hábitats, propiciará a recuperación da biodiversidade, dos solos e das augas subterráneas.
  • Confirmar a necesidade de iniciativas tanto de presión para frear as políticas de monocultivos actuais como de deseucaliptización activa.

Podedes atopalo completo na gnhabitat.org

Apoian este manifesto as seguintes entidades: Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a Federación Galega de Ecoloxistas en Acción, a Federación Ecoloxista Galega (FEG), o grupo local da Sociedad Española de Ornitología en Pontevedra (SEO/Pontevedra) e Brexa Custodia do Territorio.

Vos animamos a partillar neste blogue o que achedes axeitado nos comentarios.

Mirando polos nosos bosques, 11 e 12 de febreiro

Fundacións, Asociacións, Proxetos de Custodia e Comunidades de Montes das Veciñas en Man Común conforman a paleta da diversidade de accións coordinadas para a fin de semana previa ó Entroido.

Temos certeza de que as vindeiras actividades organizadas polas entidades adheridas a esta nosa campaña han ser aínda máis plurais e variadas. Cousa de Raices, coma os nosos bosques, se artella na diversidade.

Velái o cartaz, animádevos a participar!!

A nosa terra é nosa, compañeiras.

11 de fevreiro, atopámonos na foresta!

Nesta data non vamos xuntar esfozos para organizarmos a III deseucaliptización simultánea, ainda. Os habitats nos que podemos actuar para poñermos en valor os nosos bosques son diversos,e polo tanto o son as posibilidades que temos por diante.

As accións a realizarmos van depender do que cada agrupación, coletivo, comunidade ou persoa individual escolla: que queremos deseucaliptizar, forza! que queremos plantar fondosas caducifolias, noraboa! que localizamos un terreo para eliminar EEI, adiante todas! que queremos realizar unha andaina para desfrutarmos dos nosas vizosas fragas, ben pracenteiro que ha ser!

A rede a prol do bosque galego nos convida a organizarmos inciativas que amosen a nosa determinación na defensa dos hábitats autóctonos de Galicia. Non dispoñemos de moito tempo polo que é relevante a nosa disposición e determinación para levarmos a termo accións significativas na data proposta para inciarmos unha nova singladura desta nosa campaña.

Todas aquelas persoas ou entidades que queiran promover a súa actividade a través desta proposta , poderán facelo enviando ao email de Cousa de Raíces adegavigo@adega.gal , o máis axiña posible, os seguintes datos da acción:

-Concello e parroquia:
-Nome do Monte:
-Colectivo/s que a promove/n:
-Email de contacto para inscricións:
-Breve descrición de en que vai consistir a actividade:
-Outra información de interese:

Anímate a actuar na defensa do país e das nosas contornas orixinarias!!!

Non o esquencer compañeiras, a nosa terra é nosa!!!

Cousa de Raíces, de volta no camiño

Cousa de Raíces comeza unha nova xeira se nós quixer: esta nosa campaña foi un fito no devir da loita pola recuperación do nosos bosques, moitas xentes boas e xenerosas teñen traballado a prol das nosas árbores nestes anos de andaina.

É un feito que levamos un tempo sen nos facer notar, en gran medida por motivos alleos a nosa vontade, mais os tempos son chegados en que habemos retomar con forza as nosas actividades.

O movemento de Cousa de Raíces está inzado de chanzos que permanecen na memoria das xentes que coñecen, valoran na súa xusta medida e, polo tanto, aman as masas arbóreas orixinais da Galiza. A traxetoria das entidades adheridas nos obriga a fornecer o que for preciso para seguir no noso camiño, cos nosos obxectivos de sempre, que son ainda máis importantes que nunca, pois a dramática situación que enfronta o noso país no eido forestal fai que nos atopemos ante unha emerxencia.

Os bosques orixinarios diminúen en todo o planeta. Os bosques galegos son unha xoia natural que non podemos permitir que desapareza, nin dende una perspectiva local nin pensando dende o global. Llo debemos ós nosos devanceiros e ás xeracións que han vir. É unha obriga que atinxe ó pobo galego coma o carballo e a reboleira leva atinxindo esta nosa terra dende antes de nós chegar.

Xentes que precisades e queredes ás nosas árbores, estade antentas !!!

A nosa terra é nosa.

Novas citas co monte galego este sábado, 26 de outubro. Non faltes!

DESEUCALIPTIZACIÓNEste sábado, 26 de outubro, terán lugar dúas novas actividades impulsadas por membros de Cousa de Raíces, que, por un lado, tratarán de eliminar especies exóticas invasoras do monte galego, como son as acacias e os eucaliptos; e que, por outro, axudarán a repoboar o monte galego con especies propias, coincidindo coa Gran Landrada ibérica que se celebra en toda a Península. A nova xeira deseucaliptizadora terá lugar no Monte dos Remedios, de Tirán, no concello de Moaña. A repoboación con especies autóctonas será nos montes de Rebordelo, en Cercedo-Cotobade. A primeira actividade está impulsada pola Asociación de Veciños de Tirán (Moaña), e a segunda, por ADEGA-Vigo.

Seguir lendo

Novo chamado á acción das brigadas deseucaliptizadoras para o sábado, 17 de agosto

brigadas deseucaliptizadoras de Verdegaia, membro de Cousa de Raíces, volven este sábado 17 de agosto ao Castro de Bexo, preto de onde se iniciou o megalume que arrasou máis de 1.000 Ha nos concellos de Dodro e Rianxo o pasado mes de marzo. O obxectivo será dar continuidade aos traballos de recuperación da croa do castro e de deseucaliptización da súa contorna iniciados xa no mes de xuño. As brigadas deseucaliptizadores animan á participación nesta nova acción voluntaria de deseucaliptización dos nosos montes. A continuación, reproducimos o seu chamamento.

Seguir lendo

Colectivos de Cousa de Raíces súmanse á campaña “Por un monte galego con futuro”

A campaña “Por un monte galego con futuro” dá comezo

ADEGA, Amigos da Terra, APDR, Asociación FROUMA, AGA, FRUGA, Comando Ghichas, ORGACCMM, SLG, Petón do Lobo, Verdegaia, Kunterbunt Design, Amarelante S. Coop. Galega, Agrocuir, Asoc. Cultural Bidueiro, todas eles colectivos membros de Cousa de Raíces, xunto con outras organizacións, como a CIG, veñen de lanzar unha proposta conxunta “Por un monte galego con futuro” e cuestionan tanto as que se están a barallar na revisión do Plan Forestal que está a tramitar a Xunta de Galiza, como as medidas contempladas na Estratexia Galega contra o Cambio Climático.
Seguir lendo

Preto de 400 persoas participaron na II Deseucaliptización simultánea de Galicia

A II Deseucaliptización simultánea convocada por Cousa de Raíces, con motivo da Semana do Medio Ambiente, conseguiu eliminar dos montes galegos  81.200 pés de eucaliptos e de acacias, entre gromos de cepa, plántulas e árbores de maior porte. Nesta segunda ocasión participaron preto de 400 persoas, que acudiron voluntariamente a 15 montes galegos, da man de 25 entidades de carácter ecoloxista, cultural, veciñal, educativo e de comunidades de montes. Grazas a todas de novo polo voso compromiso co noso monte!

Seguir lendo