A I Deseucaliptización Simultánea conseguiu eliminar máis de 205.000 eucaliptos e acacias do monte galego

Os pasados días 21 e 23 de marzo, co gallo da celebración do Día Mundial do Bosques, a rede a prol do bosque galego, Cousas de Raíces, lanzou a primeira campaña de “Deseucaliptización Simultánea” de Galicia. A iniciativa saldouse cun grande éxito de participación, con máis de 360 persoas voluntarias, e sobre todo, con impresionantes resultados na eliminación de especies exóticas invasoras dos montes galegos: máis de 205.000 exemplares de eucaliptos e acacias, entre gromos de cepa, plántulas e unidades de maior porte. Cousa de Raíces agradece fondamente o compromiso e xenerosidade das entidades e persoas participantes nesta primeira edición deseucaliptizadora e convida a participar en novas convocatorias.

A I Deseucaliptización Simultánea de Galicia, promovida por Cousa de Raíces, estivo encamiñada a favorecer unha retirada simultánea, en diversos puntos do país, de masas de eucaliptos e doutras especies forestais foráneas e invasoras, como as acacias negras e mimosas, que están a ocupar grandes superficies no monte galego, prexudicando as especies propias e proliferando descontroladamente. A finalidade  foi a de poñer de manifesto que outro modelo forestal en Galicia é posible e necesario e que non debemos chamarlle bosque ao que non o é, como é o caso das formacións de especies forestais exóticas e invasoras.

Entre os días 21 e 23 de marzo desenvolvéronse un total de 11 actuacións de eliminación promovidas por 20 colectivos de carácter ecoloxista, cultural e veciñal, entre os que tiveron especial protagonismo as comunidades veciñais de montes en man común.

Resultados da I Xornada de Deseucaliptización 2019
Nº participantes 364
Nº de especies eliminadas 5
Superficie de actuación (m2) 144037
Nº de pes eliminados 206892

En total, a participaron na I Deseucaliptización Simultánea de Galicia foi de 364 persoas que se entregaron a fondo para peneirar preto de 145.000 metros cadrados (14,5 Ha) de monte na busca de gromos, plántulas ou plantas de maior porte de especies exóticas invasoras. Nesta pescuda, a especie invasora máis eliminada foi sen dúbida o Eucalyptus globulus, seguida da acacia negra ou melanoxylon, da mimosa ou Acacia dealbata e da herba da pampa ou Cortaderia selloana. Tamén se eliminaron algúns pés de Pinus radiata nos montes de Rebordelo.

Carracedo (21)Á falta de confirmar algúns datos ofrecidos polas entidades promotoras das eliminacións, o número de pés vexetais eliminados en total, entre gromos e exemplares  de maior envergadura, superou as 205.000 unidades, acadando a impresionante cifra de 206.892 pés de eucaliptos e acacias eliminados do bosque galego. Grazas a estas accións, estes exemplares de especies exóticas e invasoras deixarán de medra no bosque galego e, por tanto, de crear os impactos negativos que exercen sobre as especies autóctonas, a biodiversidade, o solo e a proliferación de incendios forestais.

Se queres coñecer con maior detalle os datos da superficie sobre a que se actuou e os pés eliminados de cada unha das accións de eliminación de especies exóticas invasoras, preme na táboa de resultados.

O VALOR DA ACCIÓN COLECTIVA NA DEFENSA DO MONTE

Os resultados acadados na I Deseucaliptización Simultánea de Galicia confirman que gran parte da sociedade galega aposta e pula por outro modelo forestal en Galicia, no que se primen as especies autóctonas e se eliminen aquelas outras que están a crear un agravio ambiental, cultural e paisaxístico para o noso territorio. Tamén demostran que as accións colectivas de voluntariado, por puntuais ou pequenas que sexan, poden exercer unha grande influencia no destino dos nosos montes.

Ao mesmo tempo, a participación activa e masiva que tivo esta iniciativa dá folgos á rede galega Cousa de Raíces para continuar a defender o bosque galego a través da celebración de novas xornadas deseucaliptizadoras por todo o país ou doutro tipo de accións colectivas que sigan apelando ás administracións públicas, nomeadamente á Xunta, a mudar de modelo forestal e que, ao mesmo tempo, respalden con feitos (e non só coa palabra) o  bosque galego e actúen contra a expansión das especies foráneas e invasoras.

Desde Cousa de Raíces, agradecemos encarecidamente o encomiable labor que realizaron todas aquelas persoas, colectivos e comunidades de montes que participaron nesta primeira convocatoria de acción simultánea para deseucaliptizar e desacacializar os nosos montes. Así mesmo, convidámolas a seguir participando nas seguintes xornadas deseucaliptizadoras que se convoquen.

Moitas grazas a todas por coidar do noso monte e do noso bosque! Ata a próxima!

ALBÚM FOTOGRÁFICO: I Deseucaliptización Simultánea de Galicia:

One thought on “A I Deseucaliptización Simultánea conseguiu eliminar máis de 205.000 eucaliptos e acacias do monte galego

  1. Pingback: Boletín Oficial Esfeiro: abril 2019 - ESF Galicia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s