A II Deseucaliptización simultánea convocada por Cousa de Raíces, con motivo da Semana do Medio Ambiente, conseguiu eliminar dos montes galegos 81.200 pés de eucaliptos e de acacias, entre gromos de cepa, plántulas e árbores de maior porte. Nesta segunda ocasión participaron preto de 400 persoas, que acudiron voluntariamente a 15 montes galegos, da man de 25 entidades de carácter ecoloxista, cultural, veciñal, educativo e de comunidades de montes. Grazas a todas de novo polo voso compromiso co noso monte!
Entre o 1 e o 15 de xuño, 25 entidades galegas que se uniron a esta iniciativa conseguiron congregar unhas 380 persoas para intervir de xeito simultáneo nos montes galegos, co propósito de eliminar especies exóticas invasoras e reivindicar a recuperación das especies arbóreas autóctonas e doutros usos sostíbeis do monte. As actuacións transcorreron en concreto os días 1, 5, 8, 9 e 15 de xuño, coincidindo en parte coa Semana do Medio Ambiente, nunha superficie total que superou as 10 hectáreas, distribuídas en 15 montes galegos. A provincia de Pontevedra foi a que reuniu maior número de actuacións, seguida da Coruña, Ourense e Lugo.
O 90% das especies exóticas invasoras eliminadas foi de Eucalyptus globulus (o máis espallado en Galiza), mais en seis das quince actividades realizadas tamén se intentou erradicar Acacia melanoxylon ou acacia negra e a mimosa ou Acacia dealbata. Desta volta, puidéronse eliminar en total uns 81.208 exemplares de diferente tamaño, entre gromos ou rebrotes de cepa, plántulas de semente e árbores de maior porte.
Con respecto á I Deseucaliptización simultánea os datos de eliminación en canto a número de pés eliminados e superficie son inferiores, malia a contar cunha participación maior e a actuar nun maior número de montes. A causa é debida a que moitas das actividades que se realizaron nesta ocasión tiveron lugar nos mesmos montes nos que xa se actuou hai 2 meses, con motivo do Día Mundial Forestal, polo que os traballos que desta volta se desenvolveron neses montes foron esencialmente de repaso e/ou de reforzo da anterior limpeza. Nestas zonas reforzadas comprobouse con satisfacción que moitas das plantas eliminadas na primeira edición non volveron a agromar, mais tamén constatamos a necesidade de realizar xornadas de limpeza continuadas e non demasiado espaciadas no tempo para obter resultados satisfatorios.
Ademais, algúns dos grupos participantes, alén de eliminar exóticas, tamén se dedicaron a plantar nestes terreos especies forestais e froiteiras autóctonas, como foi nos casos da Finca Cambeiro en Corcubión, do monte de Rebordelo en Cerdedo-Cotobade ou dos montes de Teis en Vigo. Outra das experiencias protagonizada pola asociación Betula, nas Fragas do Eume, consistiu en avaliar os resultados da cobertura de cepas de eucalipto con plástico negro para evitar que a luz favorecese o seu rebrote e a aparición de fungos saprófitos, obtendo uns óptimos resultados.
O grupo máis numeroso da II Deseucaliptización simultánea foi o convocado polo colectivo A Rente do Chan-Pladever, que conseguiu reunir nos montes de Gradín a 85 voluntarias e voluntarios, entre os que se atopaba o alumnado do IES e Pontecaldelas, que participa tamén no proxecto educativo “Monte Vivo”. Alén disto, as brigadas deseucaliptizadoras de Verdegaia colaboraron en cinco das limpezas propostas con extraordinarios resultados.
Accede á táboa de resultados para coñecer os datos específicos de cada acción de eliminación.
Resultados da II Xornada de Deseucaliptización 2019 | |
Nº participantes | 381 |
Nº de especies eliminadas | 3 (Eucalyptus globulus, Acacia melanoxylon e Acacia dealba) |
Superficie de actuación (m2) | 100.200 (aprox. 10 Ha) |
Nº de pes eliminados | 81.208 |
AGRADECEMENTOS
Desde Cousa de Raíces, volvemos agradecer a disposición e o voluntarismo emostrados por parte dos diferentes colectivos, comunidades de montes e persoas participantes neste segundo chamamento á eliminación simultánea de especies exóticas invasoras no monte galego. E agardamos que sigan uníndose á convocatoria de Cousa de Raíces nas seguintes edicións, co gallo de que esta experiencia acade cada vez máis apoio e se consolide como icono do movemento social fronte á eucaliptización do país e ao abandono dos nosos montes.
Grazas e ata a próxima!
ALBÚM FOTOGRÁFICO: II Deseucaliptización Simultánea de Galicia
- ÁLBUM COMPLETO
- Montes de Rebordelo (Cerdedo-Cotobade)- ADEGA-Vigo e CMVMC Rebordelo, Verdegaia (brigadas)
- Montes de Tourón (Melón)- Amigos da Terra, CMVMC Tourón e Asoc. Vergasta
- Montes de Gradín (Ponte Caldelas)- A Rente de Chan-Pladever
- Monte da Madroa (Teis)- Arlequín e CMVMC de Teis
- Montes de Froxán (Lousame)-Verdegaia (brigadas deseucalip.) e CMVMC de Froxán
- Capela dos Remedios (Moaña)- AA.VV de Tirán
- Monte Filgueiras (Rianxo)- Fousas ao Monte e CMVMC O Fieitoso
- Monte Calexón (Ferrol)- Verdegaia (brigadas)
- Monte Lentille (Cenlle)- AA.VV Lentille, Verdegaia (brigadas)
- Zarra da Costa (Palas de Rei)- ADEGA, Eira da Xoana
- Monte de Vincios (Gondomar)- Comando Ghichas
- Finca Cambeiro (Corcubión)- Boca de Sapo
- Monte da Guía (Teis-Vigo)- Arlequín (MonTeis), Voces polo Litoral de Teis