II Deseucaliptización simultánea de Cousa de Raíces na Semana do Medio Ambiente

Touron (18)Cousa de Raíces, a rede de entidades e colectivos galegos na defensa do bosque galego, convoca unha II Xornada Deseucaliptizadora Simultánea en toda Galicia con motivo da semana mundial do Medio Ambiente. Logo do excelente resultado colleitado na primeira deseucaliptización simultánea celebrada hai 2 meses coincidindo co Día mundial dos Bosques, e na que se chegaron a eliminar máis de 200.000 eucaliptos e acacias dos nosos montes, propoñemos unha nova xeira de accións colectivas e voluntarias de eliminación de eucaliptos, acacias e outras especies exóticas invasoras na primeira semana de xuño, dedicada mundialmente á defensa do medio ambiente. Animámoste a participar nalgunhas das accións xa convocadas ou a organizar unha no teu monte. Se queres unirte a experiencia, contacta con Cousa de Raíces (cousaderaices@adega.gal).

Captura de pantalla 2019-05-16 a las 13.17.19Con motivo da Día Mundial do Medio Ambiente, 5 de xuño, a rede de 70 entidades a prol do bosque galego Cousa de Raíces convida a toda a sociedade galega a organizarse para eliminar dos seus montes especies exóticas invasoras como o eucalipto, as acacias ou mimosas, entre outras. A través destas accións preténdese visibilizar que existe unha gran parte da sociedade que rexeita o modelo forestal actual e polo que segue a apostar o goberno da Xutna, e a vontade de procurar entre todas un monte diverso, multifuncional e sostible no que estea desterrado o monocultivo de eucalipto e a presenza doutras especies invasoras.

Os efectos negativos do monocultivo de eucalipto sobre o medio ambiente son de sobra coñecidos: erosión do solo, perda de biodiversidade, desprazamento das especies autóctonas, sobre cauces fluviais e reservas hídricas, lumes forestais, agravan os efectos da mudanza climática, eliminan paisaxe…, e malia a todo aínda segue a ser promovido como “alternativa” para o monte galego na revisión da Xutna do Plan Forestal Galego, que se atopa en tramitación. Este planeamento prevé aumentar a superficie de eucaliptais cando menos nunhas 25.000 hectáreas máis nos vindeiros 20 anos, cando estes xa ocupan o 17% de todo o territorio galego.

COMO PODES PARTICIPAR NA II DESEUCALIPTIZACIÓN SIMULTÁNEA

Para favorecer o carácter simultáneo e masivo das accións, convidamos a todas aquelas persoas ou entidades que compartan o obxectivo desta iniciativa a sumar a súa actividade de eliminación de eucaliptos, acacias, ou doutras plantas invasoras á proposta de Cousa de Raíces, enviando ao email de Cousa de Raíces (cousaderaices@adega.gal), antes do mércores, 29 de maio, os seguintes datos:

-Día e horario da acción:
-Concello e parroquia:
-Nome do Monte:
-Localización do punto de encontro (coordenadas en google maps):
-Colectivo/s que a promove/n:
-Téléfono de contacto para inscricións:
-Email de contacto para inscricións:
-Breve descrición de en que vai consistir a actividade:
-Outra información de interese:

Todas as accións que se incorporen á II Deseucaliptización Simultánea de Cousa de Raíces e que se desenvolvan en propiedade privada deben contar co beneplácito da persoa ou entidade dona.

LOGO OU CARIMBO PARA MATERIAL DIVULGATIVO DA ACTIVIDADE

Inserta no material divulgativo da actividade o carimbo ou logo da “Deseucaliptización Simultanea”. Podes descargalo en diferentes cores:

Negro                         Vermello                              Verde                           Branco

selo_negroselo_vermelloselo_verdeselo_branco

LISTA PROVISIONAL DE ACCIÓNS DA II DESEUCALIPTIZACIÓN SIMULTÁNEA

Ata o de agora xa se sumaron a esta xeira deseucaliptizadora e/ou desacacializadora 7 accións (4 na provincia de Pontevedra, 2 na Courña e 1 en Ourense)  en toda Galicia que se desenvolverán de forma simultánea por 10 entidades diferentes o sábado, 8 de xuño, mais é previsible que durante os vindeiros días se sumen aínda máis iniciativas.

Se queres consultar cales son, preme na seguinte ligazón onde atoparás os datos de contacto e unha breve explicación de cada unha das accións: http://cort.as/-IHhe

Tamén podes acceder ao mapa de accións en: http://cort.as/-IHjm

 

Deixar un comentario